Hamas debe ser considerado un interlocutor válido
Medios externos
Artículo (en gallego) del diario Galicia Hoxe a raíz de la intervención de Jesús A. Núñez Villaverde, codirector de IECAH, en la charla organizada por Breaking the Silence en la Fundación Araguaney (Santiago de Compostela)
«As perpectivas de futuro do conflito de Oriente Medio son pesimistas. A día de hoxe non existe un proceso de diálogo entre palestinos e israelís e, ademais, o ataque desproporcionado contra a Flotilla da Liberdade abortou calquera mediación de Estados Unidos». Así de rotundo se manifesta Jesús A. Núñez Villaverde, o codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Accións Humanitarias (Iecah), que onte participou, xunto co ex soldado israelí Simcha Levental nunha conferencia da iniciativa Breaking the Silence na Fundación Araguaney de Santiago.
O obxectivo de Breaking the silence, organización constituída en 2004 por ex militares israelís, é transmitirlles á sociedade israelí e occidental o «prezo moral, humano e social» das accións das Forzas de Defensa de Israel (IDF) nos territorios ocupados. Os membros desta organización de denuncia serviron durante a Segunda Intifada e prestaron servizo en postos militares de control, no que participaron en detencións e en redadas.
Núñez, experto en seguridade, construción da paz e prevención de guerras, lembra outros factores que apoian o seu claro ton pesimista arredor do conflito como a falta de entendemento entre Hamas e Al Fatah ou o asedio a Gaza, no que «Israel mantén prisioneiras un millón e medio de persoas ‘a dieta estrita’, como dixo o propio Goberno». Ademais, denuncia, «a ONU non sabe non contesta, a UE amosa a súa propia debilidade nas súas respostas ás actuacións israelís e EEUU non ten vontade de usar a súa influencia e non conseguiu forzar os israelís para que cheguen a un entendemento cos palestinos e desistan da súa política de hostilidade».
Para Núñez, o asalto á Flotilla supón unha oportunidade para Hamas a nivel internacional. «Hamas gañou a guerra de imaxe neste episodio fronte a Israel e espero que resista a tentación de responder con violencia. Cómpre deixar de demonizar a Hamas, porque ten unha opción política e está apoiado polo pobo. O problema de Hamas é que decidiu obter polas armas o que non puido a través das urnas, é dicir, a lexitimidade que lle negan Al Fatah, a Autoridade Palestina, Israel e a comunidade internacional», explica o profesor de Comillas.
Pero, insiste, quen controla o ritmo do conflito é Israel, que cruza a liña vermella sen ningunha consecuencia, «o que non xustifica a violencia palestina, que fai sufrir o seu pobo polas represalias israelís e non abren ningún camiño cara á paz».